CAPÍTULO 9: HOMENAXE Á NOSA CANCIÓN (VER ESPECIAL Ó REMATE DO CAPÍTULO)

 Nuestra tierra de soledades se pobló de rumores, de brazos, de bocas...

       Esnaquizáronlle a praia de Alcabre, o seu paraíso. Laios no roncón, trinos no punteiro. María das Tempestades levará os recheos dunha lambetada sen pasar por Bouzas. O vello can de palleiro resucitou para morder con dentadura de ouro...

CONFESIÓN Nº 6

A seguinte entrevista nunca tivo lugar:

>¿Bibiano Morón?
<Si, son eu

>Chámolle dende Vilagarcía, dos Venres do Faro. ¿Importaríalle contarlle ós lectores do Retrovisor de MG algo da súa traxectoria, como comezou nisto da canción protesta?

<¡Ai!, aqueles eran outros tempos, sempre dando croques polas comisarías. Incorporeime a Voces Ceibes aínda que non fun membro fundador coma Benedicto ou Miro. Custaba moitísimo actuar, polas prohibicións gobernativas, xa sabes.

Pronto saquei o meu primeiro Lp en solitario, 'Estamos chegando ó Mar'; o mar de Mendinho, o mar de Manuel Antonio. Aquel novo día para os mariñeiros era o amencer da nosa querida Galicia; a gamela que capeaba o temporal eramos todos contra a Longa Noite de Pedra; as catro pingas da portada coma se fosen pingas de sangue... Foiche un disco moi ben acollido, mesmo en Vilagarcía, onde tiven ocasión de presentalo nun recital no Auditorio de Caixavigo, penso que pola Lomba.

Con 'Alcabre' buscaba novos aires, novos ritmos, pero non se entendeu ben. A finais de 1977 o público xa fuxía dos cantautores en favor do Folk ou as músicas máis lixeiras.Tras dous anos publiquei o meu traballo máis arriscado: 'Aluminio'. Foi toda unha declaración de intencións, un paso adiante, pero caín ó baleiro chimpándome contra a intolerancia da crítica. E todo pola versión rockeira do Negra Sombra. ¡Sacrilexio!, dicían os supostamente entendidos. Leveinas todas, ata no carné de identidade.

Entón foi cando decidín rodearme de xente nova. Descarrilei o Trenvigo coa chegada da Movida Viguesa, para así apoiala canto puidese dende a miña sala de concertos. E funcionou, vaia que funcionou. O demais éche historia ben sabida; Vigo estoupaba polos catro puntos cardinais... >

        Cortouse a comunicación. Agora tocábame a min completar o artigo cunhas poucas lembranzas. Tiña razón o amigo Bibiano, el foi un mecenas á sombra, o gran valedor de grupos como o formado por Coppini/Cardalda, o cumio da Lírica Pop nacional, a máis grande –estilisticamente falando– aposta conceptual sen precedentes cun envoltorio de cinco estrelas.
        Foron tres anos e tres discos históricos. Un músico competente e un letrista inspirado, ese era todo o segredo. Bibiano, ó que compre acudir nestes tempos nos que o mamalón do camaleón de Vicente Araguas volve a facer das súas, e o home que cantara A Voz do Pobo anda cavilando polas rúas coa coroza de Perfecto Feijoó negándose a selar a tarxeta do INEM.
        Golpes sementados e ben aquelados polo sorpresivo Juan Rivas; agasallos amontoados, Teo e Germán están chorando, o azul do mar nos ollos asolagados. Ó Ladrón de Bagdad non lle fan gracia as mazás:
                  – Érache mellor ficar nun Piano Bar de San Cibrán tan só unha décima de segundo.
        Xan Montes pola Gran Vía entraba paseniñamente no Cortinglés. Non quixo ser superhome pero teríalle gustado compoñer o Adaxio a Janis. O músico esquecido, ¿Montes ou Morón? Ámbolos dous.
        Leiber/Stoler, Jagger/Richards, Bibiano/Benedicto forever... ¿Changes?
                  – I Still Looking for Reasons to be Cheerful.