Sen lembranzas, non existimos. Agora que se cumpren trinta anos de case todo, abrámo-las xanelas para airear dunha vez a nosa verdade. A Canción Galega agocha duros anos de loita, nomes ilustres e moitos croques nas comisarías. Dende Voces Ceibes ata Milladoiro, 1968-1980: máis de dous lustros de triunfal legado discográfico agardando un merecido recoñecemento. Cando menos, o noso.
     Foi a finais dos anos sesenta cando xurdiu o que poderiamos chamar como a primeira fornada de cantautores comprometidos coa causa galega, en gran parte influenciados polos seus contemporáneos franceses Leo Ferré ou George Brassens. Naqueles primeiros discos pequenos de catro cancións atopábanse por primeira vez textos musicalizados de Celso Emilio Ferreiro –o poeta fundamental– ou de García Lorca. Co tempo engadiríanse á lista nomes coma os de Luís Pimentel, Uxío Novoneira, Álvaro Cunqueiro ou Darío Xoan Cabana.
   
Temas como O Camaleón de Vicente Araguas, Noiturno de adolescente morto de Xoan Rubia, Un home de Benedicto, Brila raio de aurora de María e Xavier, No desterro de Miro Casabella ou Cabaleiros de Jei Noguerol resultan hoxe entrañables de escoitar se un non é quen de retrotraerse no espacio e no tempo. Todos eles foron editados polo mítico selo catalán Edigsa.

Data histórica. Abril de 1968, recital fundacional da Nova Canción Galega na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago a cargo de Benedicto, Xavier, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso, o núleo primixenio do que sería Voces Ceibes. Un ano antes e na mesma universidade, o recital de Raimon fora posible pola consecución por parte dos estudiantes dun espacio propio para a discusión e o debate dentro do mesmo recinto. Anos máis tarde, coa ocupación policial das aulas, eses foros de liberdade quedaron pechados ata que coa morte do dictador comezou a brillar o raio de aurora que cantaran María e Xavier.  

    Naquela primavera do 68 se forma Voces Ceibes coa participación de Miro Casabella, ó que se incorporarían axiña Bibiano Morón e Suso Vaamonde. A maior parte deles publicaron cadanseus Ep’s en solitario na editora Edigsa/Xistral/Galaxia ata que en 1970 apareceron nun álbum colectivo editado en Francia titulado “Cerca del mañana” xuntos con representantes doutras nacionalidades, entre eles Imanol, Lluis Llach, Adolfo Celdrán, Elisa Serna e Pablo Guerrero.

    O réxime dictatorial endurécese. Folgas, asembleas universitarias e concentracións do movemento obreiro son violentamente reprimidas. Marzo de 1972. Amador Rey e Daniel Niebla, dous traballadores da factoría Bazán de Ferrol resultan feridos de morte nunha carga policial. A forte represión deses anos e a imposibilidade de actuar en directo provocou o desmembramento de Voces Ceibes. Xerardo Moscoso exíliase en suíza e Benedicto marcha a traballar a Portugal ó carón de José “Zeca” Afonso. A partires de 1974 comezan a sucederse os recitais multitudinarios, sendo moi aclamados os encabezados por unha parella inseparable: Bibiano e Benedicto.

    Os cantantes que utilizan o idioma galego son procesados ou multados; Manoel Lombao chega a asegurar que ata Andrés Do Barro e Juan Pardo tiveron os seus 'procesos paralelos', anque hoxe voces máis comprometidas poñen en dúbida tal afirmación ó consideralos "cantantes lixeiros afectos ó rexime".
2 de marzo de 1975: faise público o manifesto do chamado “Movemento Popular da Canción Galega” asinado pola maioría dos músicos comprometidos: Emilio Cao, Rodrigo Romaní, Xosé Manoel, Antón Seoane, Jei Noguerol, Xosé Quintas, L.E. Batallán, Raíces da Terra, Miro Casabella, Xurxo Mares, Xerado Moscoso, Bibiano y Benedicto. Naquel recital de presentación actuaron os grupos Candieira, Folk Ceibe, Fuxan os Ventos, Os Xoglares e o cantante Manoel Hermida. Bernardo Xosé axiña engrosaría a lista de músicos que se expresaban na nosa lingua

        25 de xuño de 1976, recital de Bibiano e Benedicto no pavillón de deportes da Coruña dentro da homenaxe a Santiago Álvarez. Xuntos ámbolos dous farían a presentación en Madrid e Barcelona do espectáculo “Agora entramos nós”. Dalgún xeito significou o remate dos anos de silencio, represión e amateurismo.

Fuxan os Ventos –o supergrupo por excelencia da Canción Galega–, Xosé Mantel Conde e os máis líricos Luis Emilio Batallán e Amancio Prada, entraron de cheo do momento máis doce da nosa canción, os anos que van dende 1975 ata 1980, os anos das grandes vendas de discos e da aceptación popular sen precedentes. Consolídanse entre outros: Pilocha, Antón Seoane/Rodrigo Romaní, Xocaloma, María Manoela, Mareira, Saraibas, O Carro...

    As actuacións en directo sucédense por cada recuncho do país e tamén fóra del. O Himno Galego pecha tódolos mitins progresistas da Transición. Son tempos de recoñecemento masivo para dous grandes compositores: Pascual Veiga e Xan Montes Capón. Pola contra, Suso Vaamonde verase forzado a coller o camiño do exilio. De novo o desterro, desta volta por pronunciar “unha desafortunada frase” nunha actuación que hoxe pasaría desapercibida.

    Emilio Cao coa súa arpa reinventa ‘o celtismo’. Outros nomes insignes como Los Tamara, Xil Ríos e Ana Kiro móvense por libre. A Roda rescatan con éxito as cantigas populares das nosas tabernas e Son Lalín levan ás discotecas a Muiñeira de Chantada en versión supersingle-45 rpm. Paralelamente, a formación de Portonovo Goma-2 sementa o desconcerto entre a crítica e o público co seu Galiñeiro rock.

    Neste axitado contexto xurde en Vigo o grupo poético Rompente tras do que se agocha un trío demoledor: Manolo Romón, Alberto Avendaño e o polifacético Antón Reixa. Tamén aparece neses anos o malogrado selo discográfico coruñés Ruada, onde gravarían Verbas Xeitosas, Doa e Cromlech. Dende Madrid proliferan os subselos dentro das grandes compañías discográficas: Limoeiro, Xeira ou Explosión apúntanse á festa editando discos galegos a esgalla.

    Os grupos folclóricos, os semi-humorísticos, as corais e as bandas de música tamén proliferaron neste maremagnum de propostas. Coincidindo coa primeira edición do Festival de Ortigueira, a denominada “Música Celta” vaise afianzando pouco a pouco gañando terreo ós cantautores. Moitos daqueles que no seu día rexeitaron do folclore como vehículo de expresión e compromiso acabarían bebendo das súas augas.
No eido das artes escénicas, o
Teatro Galego rexurdiu con forza das mans de Xulio Lago, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño.

          E chegou o momento de salientar algunhas xoias que brillaron con luz propia no seu día. Dalgún xeito ó volver escotar estas cancións é como facer unha viaxe ata aqueles anos envoltos en nébeda, ós que compre acudir de cando en vez para espantar a apatía mailo conformismo actuais. O lugar de honor ocuparíao o Lp de Bibiano Estamos chegando ó mar, producido por Alain Milhaud. Un disco transcendental que marcou un antes e un despois na nosa música. O mar de Manuel Antonio, o mar de Mendinho; o mar como ledicia metafórica do porvir... A obra mestra de Bibiano, ó que nunca lle perdoarían a versión que fixera do ‘Negra Sombra’ no seu derradeiro disco en solitario, o incomprendido Aluminio.

    Nesta morea de traballos destacaron tamén os tres primeiros elepés de Fuxan os Ventos, Ahí ven o Maio de Luís Emilio Batallán; Fonte do Araño de Emilio Cao; Brilo de Anxos de O Carro; Pola Unión e Os nomes das cousas de Benedicto. Bule, berra, chora de X. Manuel Conde; Coa fenestra aberta de Verbas Xeitosas; Acción Galega de Xerardo Moscoso; o primeiro de A Roda; a homenaxe de Amancio Prada a Rosalía e o sorprendentemente bo Galicia miña nai dos dous mares de Juan Pardo

    Por suposto, inesquecibles resultan tamén O son da estrela escura de Doa e A Galicia de Maeloc de Milladoiro, discos estes que supuxeron o despegue definitivo do nos folk e que foron todo un exemplo da creatividade do selo coruñés Ruada.

    Tiñan moitos destes 33 r.p.m., xa moi difíciles de atopar en bo estado, a particularidade engadida de que os deseños das súas carpetas (algunha delas dobres) superaban nalgún caso en calidade ó seu contido musical. Como exemplo, o encarte interior do disco de
Verbas Xeitosas contén unha reveladora imaxe do que foron as regueifas, e no primeiro de Milladoiro antes mencionado, ó abrilo polo medio unha inmensa fotografía documenta unha voda de finais do século XIX.

           Aquel refacho de propostas noutrora infinitas comezou a esgotarse ata esmorecer, como acontece con tódolos ciclos vitais. O final desta fartura creativa coincide cun cambio social de gustos e costumes, coa normalización das institucións democráticas, co uso máis ou menos cotián do noso idioma e, hai que dicilo, coa chegada dunha nova idade dourada implacable co pasado anque necesaria: “A Movida viguesa” e o “Atlantismo coruñés”.
Baixo estas dúas denominacións de orixe tiveron cabida toda clase de expresións estéticas e artísticas, dende música, cómic, pintura, escultura e poesía ata un novedoso soporte audiovisual que por entón chamaba con forza ás portas dos creadores: o vídeo.

   

A posmodernidade, como di a canción de Xocaloma, “só foi un soño”. A Nova Galicia enterrou ós seus pais musicais nun relevo xeracional egoísta e cruel por natureza. Houbo que agardar unha década completa para que outros talentos reivindicasen a contracorrente aquel ansia enxebre ó berro de “os tempos son chegados”. Pero ese, ¡ai!, ese éche outro cantar...  
 

NOTA: Parte do texto contén ligazóns a imaxes relacionadas co mesmo.

.

Os históricos epés do selo EDIGSA

Noso artigo no  FARO DE VIGO:
Canción Galega.pdf


Textos consultados:

Manuel Lombao: Notas do LP "7 Anos de Canción Galega" (R-101D; Ruada, 1979).
Antonio Gómez: Algunos apuntes para una historia de la Cancion Gallega
                           (Lp de Benedicto "Os nomes das cousas". GS-11005; Guimbarda, 1978).
Imaxes: Arquivo persoal MG.